Estudiou bacharelato en Lugo. Logo vaise para Madrid opositando durante tres anos ó Corpo Pericial de Aduanas e faise Graduado Social. De volta en Lugo, entra no xornal El Progreso en 1963; meses antes participara na creación do "Cineforum Lugo" e despois na do "Club Cultural Valle-Inclán". Organiza en Lugo a primeira exposición do grupo "A Gadaña" que dirixía Raimundo Patiño, ó que lle adica unha serie de litografías. Entra en contacto con Ánxel Johan a través do fillo deste, González Doreste, o seu gran amigo xunto con Iglesias Requejo. Durante casi preto de vinte anos mantén tertulia con Celestino Fernández de la Vega e Ánxel Fole no "Café España" e logo no "Lugo Bar", "Alameda" e "Madrid". Foi gran amigo de Ramón Piñeiro, de Anibal Otero e de Novoneyra. Entre os entón novos valores, tivo grande amizade con Camilo Gonsar, López Casanova, e Manuel María.
Ademais dun número importante de artigos xornalísticos e de crítica literaria, publicou El campesino lucense e El señorío eclesiástico (Lugo, 1977), Los liberales lucenses (1808-1854) (Sada, 1981), Manuel Becerra, ministro das colonias (Sada, 1998) Matías López, espejo de empresarios (A Coruña, 2001) así como artigos no "Boletín do Museo Provincial de Lugo" (1995-96, 1996-97, 1997-98, 1998-99, 1999-2000). Entre eles están "O ferrocarril, unha frustración galega" (1995-96), "Pallares, protector de cuneros" (1995-96), "Apuntes sobre o Carlismo Lugués" (1997-98), "Nacemento do Reloxo do Consistorio" e "A Luz de Gas en Lugo" (1997-98), e no do 1999-2000 "Gregorio Fernández, su persona y su obra", primeiro premio do segundo concurso de "Meigas e Trasgos".
Foi premio "Meigas e Trasgos" en dúas ocasións por Apuntes para unha Historia Social de Sarria e por Gregorio Fernández, a súa persoa e súa obra. Tamén foi premio "Convivio" en Guimaraes (Portugal) por Apuntes para unha historia social de Xermade. Obtivo premios xornalísticos. Foi director do "Festival de Cine Afeccionado do Círculo das Artes" de (Lugo-1971).